Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Educar na confianza e nas capacidades, obxectivos dun novo obradoiro para as familias de Oleiro

 Oleiros, 4 de abril de 2022-. Mañá martes 5 de abril abre o prazo de inscrición para un novo obradoiro do programa Familias Inquedas dirixido ás familias con menores de 0 a 10 anos. Trátase do obradoiro Educa Bonito, uns dos que mais éxito ten dentro a programación que a concellería de Servizos Sociais e Igualdade, pero cun novo formato para mellorar as necesidades das familias.

 
Inicialmente está programada unha primeira sesión intensiva o sábado 23 de abril en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00, na que que se realizará unha inmersión na disciplina positiva, con dinámicas e exemplos prácticos para interiorizar as ferramentas e habilidades que podemos adquirir con esta metodoloxía. Posteriormente haberá 4 sesións máis de 2 horas cada unha, os días 3, 5, 12 e 19 de maio, en horario de 18:00 a 20:00 h. Todo o obradoiro será en formato presencial, nas renovadas instalacións municipais de Villa Echeverry.
 
Como é habitual as inscricións serán a través da sede electrónica na web municipal www.oleiros.org, no apartado cidadáns e empresas/trámites online, a partir do martes 5 de abril ás 10:00 h e ata o luns 11 de abril ás 23:00 h. O número de prazas é limitado, 15 prazas (individuais), que se asignarán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencias as persoas que non participaron nesta actividade en anos anteriores.
 
As sesións serán impartidas por María Soto, fundadora de Educa Bonito, un método baseado na disciplina positiva que propón un novo enfoque educativo, co fomento das capacidades e na adquisición de habilidades sociais, cognitivas e de comunicación a través do respecto, a motivación e a procura de solucións.
 
Esta é unha nova proposta ás familias de Oleiros para unha educación consciente co fin de divulgar e compartir boas prácticas na educación e na crianza no entorno familiar, cun enfoque preventivo para superar os retos, as dificultades e os conflitos no día a día da convivencia.
 
O Concello de Oleiros segue a apostarse por estes espazos educativos dirixidos ás familias co fin de traballar unha comunicación respectuosa e afectiva, fomentando fogares que sexan refuxio de seguridade e base dunha vida comunitaria rica e plena.
back link