O TEA (Trastorno do Espectro Autista) afecta a áreas fundamentais no desenvolvemento dunha persoa repercutindo na súa vida diaria. As familias das nenas e nenos con este diagnóstico son indispensables na súa evolución, pero en moitas ocasións séntense soas e incomprendidas.
Por iso, precisan tanto de apoios externos como de espazos nos que expresarse libremente, onde se lles escoite sen sentirse xulgadas. Coidar o seu benestar emocional e psicolóxico é esencial para o desenvolvemento dos seus fillos e fillas.
Dende o Concello de Oleiros ofrécese esta charla aberta sobre estas cuestións na que ademais se informará da existencia dun grupo estable de apoio para familias nesta situación. Non é necesaria a inscrición previa.