Oleiros, 19 de outubro de 2015-. O Concello de Oleiros foi premiado na categoría de organismo público pola Asociación Galega de Familias Numerosas como a mellor administración pública de Galicia. Con este galardón, as propias familias con tres ou máis fillos recoñecen a axuda que desde o Concello se lle presta constantemente a través de múltiples accións e iniciativas.
O alcalde de Oleiros, que recolleu o premio no VIII Congreso de Familias Numerosas celebrado o sábado en Vigo, agradeceulle a AGAFAN o premio que recoñece “o noso traballo como administración pública. Nós cremos e apostamos polas familias, os nenos e as nenas e imos seguir axudándoas. Así o plasmamos a través de diversas ordenanzas fiscais”, dixo Ángel García Seoane.
O Concello de Oleiros bonifica no IBI ás familias numerosas con descontos que van desde o 10 %, para aquelas unidades con tres fillos, ata o 50%, para aquelas que teñen dez ou máis nenos e nenas. Así mesmo, as cotas da Escola Municipal de Danza e Música e das actividades culturais, de ocio, deportivas e de Servizos Sociais tamén recollen un trato favorable para estes casos. Os recibos da auga, os dereitos de exame e a taxa por utilización de inmobles e instalacións municipais deportivas tamén contemplan bonificacións para as familias numerosas.