Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás A xustiza permitirá ao Concello compensar debidamente as persoas propietarias do edificio a demoler na entrada de Mera

O Concello paralizou a urbanización prevista nas inmediacións de Santa Ana polos graves prexuízos económicos que lle ían supoñer ás persoas propietarias do solo, incluídas tamén as do edificio que hai na entrada de Mera e que incumpre a normativa urbanística. Unha sentenza do TSXG acaba de darlle a razón ao Concello establecendo que para proceder á demolición do edificio é posible proceder á expropiación para pagarlles en metálico ou entregarlles unha propiedade en Mera, tal e como pretendía o Goberno municipal desde o inicio.

De feito, coa principal familia afectada por esta situación, o alcalde xa se reuniu en diversas ocasións para informar da situación e consensuar a mellor solución para que non sufran ningún tipo de prexuízo, todo o contrario. “Xa falamos con ela para pagarlles o que corresponde ou ofrecerlle outras alternativas en Mera. Imos ser xustos para que non saian perdendo e teñan onde poder vivir, faltaría máis. Non imos sacar a ninguén do seu piso e deixalo na rúa sen máis. Somos conscientes diso e así o estamos a facer, como sempre”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.

O edificio, anterior á etapa democrática, incumpre o Plan xeral, que contempla a súa demolición para seguir embelecendo a localidade de Mera. O inmoble é un atentado contra a paisaxe e supón un tapón para a enorme beleza da localidade, que o Concello de Oleiros está continuamente mellorando con novos e mellores espazos públicos.

back link