Oleiros, 28 de xullo de 2017-. A unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) visitará o Concello de Oleiros o vindeiro luns, martes e mércores co fin de facilitar a doazón de sangue a todas as persoas que desexen facelo. O vehículo estará o luns en Mera, de 16:00 a 21:00 horas na entrada do parque da Lagoa, o martes en Santa Cristina, de 15:30 a 21:00 na entrada do parque José Martí, e o mércores en Santa Cruz, de 15:30 a 21:00 horas na parada dos taxis do parque Luis Seoane.
Este pequeno acto solidario de doar sangue ten unha importancia altísima para a saúde de milleiros de doentes que hai nos hospitais públicos galegos. En cada operación que se realiza nos centros hospitalarios, nas transfusións, en accidentes... son múltiples as ocasións nas que seguro que nós ou algunha persoa do noso entorno precisou de sangue. Este sangue só pode conseguirse a través das doazóns, polo tanto, a colaboración da cidadanía con estas campañas é fundamental para poder seguir salvando vidas.
É necesario acadar as 500 doazóns diarias que precisan os hospitais galegos para atender as demandas de sangue que hai neses centros, este é o obxectivo das unidades móbiles e das unidades de doazón que hai nalgúns hospitais. O sistema de doazón de órganos e de sangue da sanidade española é pioneiro no mundo grazas a súa organización e funcionamento, baseado na solidariedade e na igualdade no seu acceso. É fundamental que todos e todas colaboremos para manter este sistema como unha referencia a nivel mundial.