Oleiros, 23 de abril de 2012-. O Concello de Oleiros, a través do Servizo de Normalización Lingüística, continuará este mes coa oferta cultural de dinamización lingüística. A partir de hoxe poderase visitar a exposición A Lingua Galega Historia e Dereitos Lingüísticos no IES María Casares, onde estará ata o 7 de maio e desde esa data e ata o 21 de maio, poderá ser visitada no IES Miraflores de Oleiros e no IES Neira Vilas de Perillo.
Esta exposición conta con catorce paneis con contidos textuais e fotográficos, os contidos destes son:
• A humanidade e a creación das súas identidades
• A diversidade cultural e lingüística
• Dende a Gallaecia á Galicia medieval
• O esplendor da lingua galega
• A decadencia nos Séculos Escuros
• O Rexurdimento
• O galeguismo na loita pola democracia e os dereitos lingüísticos
• A ditadura e a falta de dereitos: a represión lingüística
• O maltrato ás persoas e o desprezo da súa lingua
• A democracia e a normalización lingüística
• Os dereitos lingüísticos
• O galego na administración
• O galego no ensino
• O galego na sociedade
Así mesmo, a exposición tamén se compón de material audiovisual, dúas curtametraxes de 15 minutos con entrevistas a personalidades da cultura galega e do exilio e entrevistas a especialistas sobre sociolingüística que desenvolverán os seguintes temas:
• A lingua galega: orixe, evolución e decadencia
• Dende o Rexurdimento ao galeguismo
• A II República e os dereitos lingüísticos
• 1936: a ditadura franquista e a galegofobia
• Dende a represión á resistencia
• A democracia e a normalización lingüística
• Os dereitos lingüísticos
Esta exposición, que xa estivera o ano pasado no concello como actividade programada pola Deputación da Coruña, organizouse de novo este ano a cargo do Concello polo interese da súa temática, pois é materia que se trata nos centros de ensino e os tres institutos a solicitaron este ano.