Oleiros, 19 de novembro de 2018-. A VII Andaina contra a Violencia de Xénero, que organizan os concellos que integran o Consorcio das Mariñas, transcorrerá polo contorno da ría do Burgo baixo o lema “Ante a violencia de xénero As Mariñas di NON”. A saída será desde a Casa das Palmeras de Cambre, ás 10:30 horas.
O percorrido iniciará a súa marcha polo paseo de Cambre en dirección a Oleiros bordeando a ría, en sentido contrario ao ano pasado. Ao chegar ao edificio de Copygal cruzarase a ría pola ponte da Pasaxe ata o Concello de Culleredo, aí reagruparase a andaina e seguirá polo paseo, pola zona de Fonteculler e do Burgo. Ao chegar ao final vaise cruzar no paso de cebra, onde está a escultura coñecida como a Rosa do Burgo, e desde alí tomarase a ponte vella ata Cambre, para chegar ata o Colexio Portofaro, onde rematará a andaina.
O manifesto vai lerse neste centro, ante un mural que están a elaborar os nenos e nenas nunha parede, nunha actividade de sensibilización. Está previsto que a duración da andaina sexa dunhas dúas horas.