Oleiros, 20 de maio de 2014-. O Concello de Oleiros abre o prazo para inscribirse na viaxe organizada polo Departamento de Cultura para coñecer a exposición que acolle o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela sobre a Auga. A excursión será o próximo 5 de xuño a partir das 17.00 horas. Esta viaxe está destinada a público adulto e teñen preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros. A entrada é libre e inclúe o desprazamento e a visita guiada da exposición.
As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deben contactar co Departamento de Cultura no teléfono 981 610 000, de 8.00 a 15.00 horas, ou no enderezo electrónico cultura@oleiros.org para formalizar a inscrición.
A exposición, que leva por título Auga doce: cando a auga é arte, é unha exposición multidisciplinar que nos convida a mirar a través da ollada prestada dos artistas e redescubrir a beleza universal da auga. Un total de 700 obras, entre pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalación, avances tecnolóxicos e obxectos etnográficos mergullarán os visitantes nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación artística contemporánea como David Hockney, Gerhar Richter, Mario Merz, Martín Chirino ou Chema Madoz e de Mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.
Auga Doce suporá unha viaxe polas propiedades das augas subterráneas galegas, dos nosos ríos e mananciais, do aproveitamento histórico que os galegos fixeron da auga e a plasmación artística desta relación identitaria. Pero a exposición transcende a realidade galega, convidando os asistentes a conectarse con outros pobos onde a auga define tamén a súa identidade e a súa cultura e ofrecendo a posibilidade de explorar expresións artísticas de comunidades africanas, aborixes australianas ou orientais. O Concello de Oleiros colabora con esta exposición a través da cesión temporal de varias pezas de olería tradicional procedentes da colección que forma parte do Museo Os Oleiros, de Santa Cruz.