Oleiros, 2 de agosto de 2012-. O Concello de Oleiros publicou no BOP o pasado 21 de xuño a convocatoria das prestacións de apoio á escolarización, cun orzamento de 6.000 €, dentro das medidas contra a exclusión social que ten establecidas a Concellería de Servizos Sociais. Nesta convocatoria presentáronse 58 solicitudes para un total de 117 menores, todos eles escolarizados nos centros públicos de ensino do Concello.
O Goberno local trata con esta medida de apoiar aquelas familias que se atopan nunha situación máis desfavorecida nos gastos extraordinarios que provoca o inicio do curso escolar. Tras rematar o prazo establecido para presentar as solicitudes e unha vez revisadas, publícase no día de hoxe, 2 de agosto, unha listaxe provisional onde se recollen aquelas que están incompletas e a documentación que teñen que presentar.
A exposición pública faise no taboleiro de edictos do Concello de Oleiros e no do Departamento de Servizos Sociais. Esta documentación é imprescindible para poder valorar a solicitude e poder resolver as axudas. O prazo límite para presentar a documentación requirida é o día 14 deste mes. A documentación deberá presentarse ante calquera dos rexistros que establece a lei de procedemento administrativo. O horario do Rexistro Municipal do Concello de Oleiros é de 8.30 a 13.00 horas de luns a venres, os sábados o horario é de 9.00 a 13.00 horas.