Como é habitual, a tarde comezará ás 19:00h cunha demostración de olería ao vivo da man do artesán Alberto Añón, que converterá o parque nun espazo de creación artística e cultura tradicional.
Miguel Costas, guitarrista, compositor e vocalista, leva máis de catro décadas marcando a historia do punk rock con temas que xa forman parte do imaxinario colectivo. Desde os anos 80, creou himnos do punk rock e da música alternativa e agora continúa nos escenarios coa súa banda actual Costas, revisando grandes éxitos e traendo composicións dos seus anos mozos en grupos coma Los Feliz e Siniestro Total.
Para As Tardes do Alfar, Miguel Costas actuará en solitario cunha proposta máis persoal e íntima, unha oportunidade única para desfrutar en directo dun referente da música galega cunha posta en escena enérxica, irreverente e chea de historia.