Oleiros, 3 de agosto de 2012-. O Concello de Oleiros organiza a XVIII edición da feira de olería do municipio, máis coñecida como Alfaroleiros. A feira terá lugar do 8 ao 12 de agosto no parque Luís Seoane de Santa Cruz. Un ano máis, oleiros de toda a península ibérica achegaranse ao municipio para sementar o parque Luís Seoane de Santa Cruz de tradición e bo facer, permitindo así que o noso Concello faga honra ao seu topónimo e ás súas orixes.
Neta mostra convídase a oleiros tradicionais de diferentes puntos da Península Ibérica, que, ou ben son únicos na súa zona no traballo oleiro, ou ben son dos máis significativos en canto á calidade e pureza das pezas que traen á Feira, apoiando e secundando o bo facer dos “señores do barro”. Ao mesmo tempo, téntase tamén promover turística e economicamente o nome do concello. Alfaroleiros é unha Feira de olería tradicional que comezou no ano 1.995, a raíz da posta en funcionamento do Museo de Os Oleiros, que conta cunha colección única, doada ao Concello de Oleiros por José Mª Calzado y Dalmases (José Mª Kaydeda) e Teresa Jorge Antolín e que está situada no Centro Cultural As Torres de Santa Cruz.
Esta feira é, polo seu carácter específico, unha mostra única onde a tradición e o antigo se esixen en toda a súa pureza. Ao longo destes anos pasaron por Oleiros oleiros de Galicia, Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, Andalucía, Estremadura, Cataluña, Canarias, A Rioxa, Madrid, Aragón... Nos dous últimos anos a Feira contou tamén con un oleiro portugués.
As pezas están expostas na herba e desde alí ao longo de cinco días, entre 10 da mañá e 10.30 h da noite, os oleiros ensinan e venden o froito do seu traballo ao miles de visistantes. Nesta edición contamos coa participación de 25 oleiros da península e por terceiro ano consecutivo imos contar coa participación dun oleiro de Agost (Alicante), onde existe un museo oleiro.
Un posto municipal proporciona aos visitantes información sobre a propia feira e sobre o Concello, ademais de facilitar publicacións municipais, a cargo de persoal do Departamento de Cultura do Concello de Oleiros. Ademais da exposición e venda das pezas, os oleiros realizan demostracións do seu traballo, tanto no torno, como pintando e decorando. Así mesmo desenvólvese un obradoiro para os máis pequenos que gozan traballando no barro. Tamén o alumnado do obradoiro de olería que se desenvolve entre os meses de outubro a xuño no alfar situado no Parque das Torres, teñen expostos ao longo dos cinco días de duración da Feira os seus mellores traballos. De forma paralela a estas actividades, está programado unha serie de actos culturais como concertos, teatro e proxección cinematográfica.