O Concello de Oleiros leva tempo traballando na elaboración de novas políticas de fomento do comercio local. A elaboración dunha guía empresarial, que aglutine a tódolos empresarios e comerciantes da zona, constitúe un dos pilares básicos polos que debe pasar o proceso de revitalización do municipio.
Precisamente, con ese obxectivo nace esta publicación dirixida a tódolos oleirenses que desexen ter á man respostas inmediatas sobre quen, que, e onde atopar un comercio, unha empresa, ou un profesional para a prestación urxente e puntual dun servizo ou para obter unha información concreta e detallada sobre calquer asunto de cotío. Deste xeito, pretendemos contribúir á localización áxil, cómoda e inmediata dos servizos que procura, á vez que se dinamiza e potencia a economía e a industria municipal a través dunha forte campaña de promoción e distribución.
Aproveitando estas liñas, quero agradece-la estreita colaboración de tódolos empresarios, comerciantes e profesionais que fixeron posible, coa súa participación, a confección e publicación deste traballo, que espero resulte útil e cómoda para tódolos veciños acadando así os obxectivos marcados.
Debido á incesante e permanente creación de novas empresas, a guía de actividades será actualizada periódicamente. Así, calquera persoa que o desexe poderá solicitar a súa inclusión na mesma dirixíndose ó Centro Municipal de Formación do Concello, encargado da súa elaboración.
Grazas a todos por axudar, unha vez mais, a converter un proxecto en realidade.
O alcalde.
Angel García Seoane