Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

OLEIROS PROXECTA A LONGAMETRAXE «O TEMPO DA MEMEORIA»

¿ Tras o pase do documental celebrarase unha mesa redonda na que intervirán Jorge Gil, directos do filme, Alejandro Fontes, cónsul xeral de Cuba en Galicia, Carlos Portomeñe, do Foro pola Memoria de Galicia, e Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros

Oleiros, 7 de abril de 2010-. O Concello de Oleiros proxecta este venres día 9 de abril, a partir das 20.30 horas no auditorio da Fabrica, en Perillo, o documental «O tempo da memoria». O filme narra a vida dos dirixentes e combatentes comunistas José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, que asumiron responsabilidades entre 1944 e 1948 na organización do Partido Comunista e do Exército Guerrilleiro en Galicia. Gómez Gayoso desempeñouse como Secretario Xeral e Seoane como Xefe da guerrilla. Ambos foron executados o 6 de novembro de 1948 no cárcere da Coruña.

O documental entrelaza a vida destes homes no marco da loita pola defensa do Goberno da Segunda República, que se viu interrompida polo golpe militar do 36. A longametraxe recupera a historia dos fuxidos ao monte, das primeiras iniciativas da resistencia, dos exiliados e das organizacións de apoio aos represaliados no exterior. Todos estes factores configuran un mapa humano da loita a favor do dereito á liberdade e á democracia do pobo galego e español contra o fascismo.

O fío condutor da historia canalízase a través dos fillos dos dous dirixentes comunistas, que non se coñecen persoalmente, aínda que visitaron en varias ocasións Galicia, seguindo os pasos que percorreron os seus pais. Este documental quere reproducir o encontro de ambos os descendentes, facendo un paralelismo coa historia dos seus pai, quen xuntos continuaron tras a Guerra a loita antifranquista. Ademais, recupera o clima do exilio español en Arxentina e Cuba durante aqueles anos. A trama complétase co testemuño de diferentes interlocutores sobre a vida de Gómez Gayoso e Seoane Sánchez. Tamén se reflexiona sobre a Memoria, a Guerra Civil, a resistencia, a represión franquista e a transición.

Tras o pase da película celebrarase unha mesa redonda na que intervirán Jorge Gil, director do filme, Alejandro Fontes, o cónsul xeral de Cuba en Galicia, Carlos Portomeñe, do Foro pola Memoria de Galicia, e Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros. O acceso é libre ata completar o aforamento.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza