Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

O PLENO APROBA AS PROPOSTAS DO GOBERNO LOCAL EN MATERIA EDUCATIVA E DE TRANSPORTE

Oleiros, 26 de marzo de 2010-. O pleno municipal aprobou onte un conxunto de iniciativas presentadas polo Goberno local de Alternativa dos Veciños que están encamiñadas a mellorar o futuro da educación publica no municipio. Estas propostas permitirán pór a disposición da Xunta un inmoble e dúas parcelas de titularidade municipal para que o Goberno autonómico dote a Oleiros de dúas novas escolas infantís e un colexio de educación primaria.

Deste xeito, onte aprobouse por unanimidade a cesión da Casa Labarta, unha instalación municipal situada en Mera que no pasado xa funcionou como escola unitaria, para que a Xunta instale nela unha nova escola infantil que satisfaga as necesidades das familias da zona norte de municipio. A nova escola infantil na Casa Labarta, que xa foi solicitada o pasado mes de abril polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, sen recibir resposta por parte da Xunta, podería empezar a funcionar a partir do próximo curso se o Goberno autonómico decide dotala do mobiliario e do persoal necesario. As características e o bo estado que presenta este inmoble convérteno nun espazo idóneo para instalar un centro educativo deste tipo de forma inminente.

Ademais da cesión da casa Labarta acordouse a posta a disposición da Xunta dunha parcela en Nós para construír outra escola infantil encamiñada a suplir a carencia de prazas da zona sur do municipio. Tamén en Nós, acordouse destinar unha parcela de 8.100 metros cadrados para que se edifique un colexio de ecuación primaria. Este novo colexio instalarase nunha parcela que o Concello adquirirá a través da expropiación ao ser imposible chegar a un acordo cos seus propietarios logo de máis dun ano de xestións por parte do Goberno local. García Seoane defendeu onte esta localización sinalando que se trata do lugar idóneo para instalar o novo centro educativo. «O Concello ten en propiedade moito solo dotacional para instalar colexios noutras zonas de Oleiros, pero decidimos situalo nesta parcela xa que se trata do mellor lugar. Está practicamente no centro da parroquia de Nós, que na actualidade é o lugar do municipio onde existe unha maior demanda dun colexio». A proposta foi aprobada co voto a favor de todos os grupos políticos excepto do BNG, que decidiu absterse.

Xunto con estas importantes medidas en materia educativa, o pleno aprobou outras de interese, como o Convenio de colaboración coa Xunta para o desenvolvemento conxunto do transporte público metropolitano, que permitirá ampliar as cadencias e introducir novas rutas que melloren as comunicacións entra as distintas localidades do municipio e co seu contorno. Durante a aprobación deste punto o alcalde recriminou o importante papel que o Goberno local está desenvolvendo en materia de transporte público a pesar de que as competencias nesta materia pertencen á Xunta de Galicia. «Estamos sufragando unha liña de transporte municipal xa que a Xunta non asume as súas competencias», sinalou.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza