Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

O baleirado da depuradora de Mera, un intento de elimina-los cheiros

É a recomendación dun especialista contratado expresamente para estudia-las posibles saídas. Unha empresa especializada levará a cabo os traballos. A Xunta confirma que as obras comezarán en setembro e durarán ata a primavera do 2002. Será o último verán en padecer este grave problema....

Ante o persistente cheirume que exhala a obsoleta instalación da depuradora de augas de Mera, o Concello realizará unha profunda limpeza, para o que contratará unha empresa especializada. A decisión tomouse como resultado dun estudio realizado esta pasada semana por un técnico contratado expresamente para estudia-la posible saída á situación.

O Goberno municipal comprende aos indignados veciños dos arredores da Lagoa, e traduce así a súa preocupación pola constante emisión de cheiros da instalación, que debera ter desaparecido xa hai anos.

Obras Públicas da Xunta confirmou onte o municipio que as obras necesarias para a eliminación das depuradoras de Mera e Canide están xa contratadas. Comezarán a fins de setembro e prolongaranse ata a primavera do 2002. Trátase da conexión dos desaugues que conflúen na actual depuradora coa rede xeral do litoral de Oleiros, que manda as augas residuais cara ao bombeo mancomunado da Pasaxe e de aí á Estación depuradora de Bens.

A obra inclúe tamén a automatización de tódolos bombeos do litoral e custará 132 millóns de pesetas. Está financiada nun 75% pola Xunta e no cuarto restante polo Concello.

Nos últimos días, ante as incomodidades que os cheiros causan aos veciños, un especialista expresamente contratado polo Concello realizou un estudio sobre as anomalías que presenta a instalación. A conclusión foi que debe realizarse un baleirado, que durará dous días, terá lugar de inmediato e será realizado por unha empresa especializada que coidará especialmente que ningún vertido de auga sen depurar poida chegar ao mar.

Aínda que a emisión de cheiro é evidente, confirmouse tamén que as deficiencias da instalación non afectaron aos vertidos de auga ao mar. Tanto a lagoa como as frecuentadas praias do litoral meracho non recibiron nin unha gota de auga sen depurar, polo que conservaron en todo momento as súas condicións sanitarias.

Técnicos municipais comprobaron tamén que os vertidos rexistrados na estación de bombeo da Pasaxe o pasado xoves debéronse a causas puntuais. Ao parecer foi unha acumulación de fías de algodón das que maiormente se utilizan nos talleres de reparación de vehículos, que obstruíron as conduccións, desbordándose os detritos polos aliviadoiros. Non parece que se poida volver repetir, aínda que a Xunta tamén ten previsto actualizar esta instalación, que chegou hai anos á obsolescencia.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza