Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

As nenas, protagonistas do Día das Mulleres

Moitos anos loitando pola equiparación da muller ao home no ámbito laboral veñen dando os seus froitos dun tempo a esta parte. Pero o 8 de marzo seguirase loitando por achega-los dous sexos. Con motivo deste día, o Concello ten preparados os seguintes actos:

Coa presentación a cargo da alcaldesa Esther Pita, as nenas dos Centros de Ensino Público do Concello lerán textos escritos por mulleres ou referentes á muller. Comezará ás 18.30 horas e celebrarase no Teatro "As Torres" de Santa Cruz.

Logo das lecturas virá o grupo musical "Mamá Cabra" con textos e poesías das escritoras Gloria Sánchez, Concha Blanco e Ana María Fernández. Por último, haberá un encontro literario coa escritora Marica Campo. Será presentada pola profesora Dorinda Rivera Pedrero.

Marica Campo é mestra de profesión, e leva o seu talento ás súas composicións escritas, tanto en prosa coma en verso. O seu derradeiro libro, "Pedinche luz prestada", foi primeiro premio de poesía Fiz Vergara Vilariño.

O sábado 9 de marzo, a partires das 20.30 horas, a Compañía Uvegá Teatro representará a obra "Mulleres", só para adultos, que poñerá punto e final aos actos que o Concello de Oleiros preparou para o Día da Muller Traballadora.

Teatro como colofón

Aproveitando o Día Internacional da Muller, a sesión semanal de teatro da Fundación Municipal de Cultura do Concello de Oleiros tratará un tema de secular enfrontamento: as sempre difíciles relacións muller-home. Será o sábado 9 de marzo.

Uvegá Teatro presenta "Mulleres". Franco Rame e Darío Fo perfilan e confiren carne teatral aos personaxes desta escena, interpretados por Susana Dans, Laura Ponte e Mara Sánchez, introducíndoos en situacións grotescas. A arma do riso desvela e golpea nos puntos máis fráxiles e que máis poden doer ao eterno antagonista, o home.

Pero o feminismo dos autores, aínda sendo implacable e certeiro coma unha dentada, nunca resulta fanático ou sombrío. Trátase dunha visión crítica e solidaria do binomio home-muller.

O director da obra é Vicente Montoro, que leva máis de quince anos traballando para Uvegá Teatro. Xa levou ao escenario obras como "O retrato de Dorian Gray" (Oscar Wilde) ou "A señorita Xulia" (August Strindberg).

Os que se acheguen ao Teatro As Torres poderán presenciar unha comedia de hora e media de duración. A función dará comezo ás 20.30 horas e o prezo será de 1,20 euros. Só terán entrada no recinto os maiores de trece anos.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza