O CONCELLO INSTA A XUNTA A QUE ABORDE DE INMEDIATO O PROBLEMA DE CONTAMINACIÓN NA ZONA DA GÁNDARA
¿ O Concello constatou que se trata dun defecto nun colector da zona
Oleiros, 22 de setembro de 2010-. O Concello de Oleiros solicitou novamente a consellerías de Sanidade e Medio Ambiente e o Seprona que aborden o problema de contaminación que sofre a zona da Gándara, na parroquia de Nós. Esta localidade da parroquia de Nós sofre desde hai meses os cheiros insalubres procedentes da rede de saneamento do polígono industrial do Espírito Santo que discorre polas zonas da Gándara, San Marcos e a Seara. O Concello de Oleiros constatou que o problema orixínase nun defecto de construción nun dos colectores de esta rede.
Os veciños da zona ameazan con levar a cabo mobilizacións ao non encontrar unha resposta por parte da Xunta de Galicia, xa que teñen que soportar asiduamente cheiros moi desagradables que están a contaminar o ambiente nesta zona do concello. Nos últimos días, algúns dos residentes se viron obrigados a acudir a centros sanitarios de urxencia o encontrarse indispostos debido o adores que se rexistra na zona. Se a Consellería non aborda os traballos de reparación do colector de forma inmediata, O Goberno local tomará medidas e está disposto a levar a cabo mobilizacións respaldando aos veciños afectados.