Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

A BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA ACOLLE A PRESENTACIÓN DE «RAÍZ E SOÑO», DO POETA XAVIER SEOANE

¿ O acto será o próximo mércores, 27 de outubro, ás 19.00 horas

Oleiros, 22 de outubro de 2010.- O próximo mércores, 27 de outubro, ás 19.00 horas, na Biblioteca Central Rialeda realizarase a presentación da obra de poesía "Raíz e soño (Canción de Oleiros) 1976 ¿ 2008", escrita por Xavier Seoane, e publicada pola editorial Trifolium.

Trátase dunha escolla da súa obra poética dedicada a Oleiros. Son poesías escritas entre os anos 1976 e 2008. Segundo nos explica no libro, "é en Oleiros onde o poeta viviu longos períodos e gozou de moitos dos momentos e experiencias máis felices da súa vida e onde escribiu unha gran parte dos seus libros".

Intervirán, o autor Xavier Seoane e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Di o autor que cando le os textos que figuran na obra "non pode deixar de sentir o eco constante de moitos anos de vida nos gratos lugares de Oleiros que tanto leva gozado e camiñado".

No limiar realiza unha fermosa loa á beleza desta terra: " Sendo hoxe Oleiros unha terra en progresiva aínda que civilizada urbanización, derivada da chegada dun número cada vez maior de residentes e de visitantes que veñen á procura dos seus engados, goza aínda da fortuna de conservar un territorio de gran beleza natural, que sen dúbida é responsabilidade de todos conservar, pois no seu contorno xeográfico vibra un deses poderosos rexistros mariñás que tanto singularizan a Galicia e que tanto contribúen ao bo vivir do nativo e do forasteiro. Porque estas terras abeiradas ao mar, recolleitas e humanizadas, son fondamente acolledoras, e gozan, ademais das insólitas perspectivas atlánticas, dunha vizosa e exultante vexetación, con ritmos paisaxísticos de notable harmonía e recantos íntimos e entrañables".

Segundo imos lendo atopámonos con poesías dedicadas a Mera, ao Portus Magnus Artabrorum, a Seixo Branco, á Marola, ao Atlántico, a Dexo, a Oleiros..., todas dunha gran fermosura e sensibilidade.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza