Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

O CONCELLO LEVARÁ A CABO 39 SESIÓNS DA HORA DO CONTO NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE OLEIROS ATA DECEMBRO

Oleiros, 15 de outubro de 2010-. Unha tempada máis, as Bibliotecas de Oleiros organizan a actividade da Hora do conto. Entre os meses de outubro a decembro realizaranse 39 sesións de contacontos dirixidas a nenas e nenos menores de 10 anos. Realizaranse nas bibliotecas municipais, a través da narración ou dramatización dun ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa e participativa cos libros, fomentando a imaxinación e a creatividade.

Os obxectivos que se intentan conseguir son que os nenos e as nenas participantes se divirtan escoitando contos, facer novos lectores e lectoras ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.

Nas sesións participarán as contadoras e contadores Pablísimo, Soledad Felloza, Fran Ínsua, Inés Cuadrado, Caxoto, Pavís-Pavós e a Compañía Trinke-Trinke cos "Ratos da biblioteca" que narrarán diversos contos, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de fantasía e imaxinación.

Todos os actos terán lugar ás 18.30 horas. Na Biblioteca Central Rialeda sita en Perillo serán todos os xoves e debido ao gran número de nenas e nenos que participan realizaranse dúas sesións ao mesmo tempo: unha para nenas e nenos menores de 6 anos e outra para nenas e nenos de 6 a 10 anos e terán lugar os días 21 e 28 de outubro, 4, 11, 18 e 25 de novembro e o 2 de decembro.

Nas demais bibliotecas as actividades serán para todos os nenos e nenas menores de 10 anos:

¿ Na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz serán todos os mércores, 20 e 27 de outubro, 3, 10, 17 e 24 de novembro e o 1 de decembro.

¿ Na Biblioteca Manuel María de Oleiros serán os martes, 19 de outubro, 2, 16 e 30 de novembro.

¿ Na Biblioteca Mª José Trincado de Mera serán os venres, 22 de outubro, 5 e 19 de novembro e o 3 de decembro.

¿ Na Biblioteca Mª José Ruso de Dorneda serán os luns, 25 de outubro, 8 e 22 de novembro.

¿ Na Biblioteca Federico García Lorca de Montrove serán os martes, 26 de outubro e o 9 e 23 de novembro.

¿ Na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé serán os mércores, 27 de outubro, 10 e 24 de novembro e o 1 de decembro.

Para a Hora do conto da Biblioteca Ánxel Fole de Nós, debido a que está con obras de ampliación, realizarase un folleto e unha programación especial.

Con todos estes contacontos preténdese introducir as nenas e os nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, que os faga gozar e divertirse. A través do universo máxico dos contos desenvólvese a imaxinación, a fantasía e a capacidade de fabulación de quen escoita, polo que se tratará de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e as nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza