Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Comunicación
Portada » Comunicación » Hemeroteca » Hemeroteca (antigas)
   

Twitter

     
 
   

Non o podes perder

     
Os luns ás 13:20, o Alcalde na COPE, e os martes ás 12.55 na SER
 
Novas dende o ano 2001  ata Setembro 2010
   

Dende o ano 2001 ata Setembro 2010

     

O ALCALDE E OS CONCELLEIROS DE OBRAS PÚBLICAS E SEGURIDADE CIDADÁ INFORMARON AOS VECIÑOS SOBRE A REFORMA INTEGRAL DAS VIÑAS DE BABILONIA

¿ Esta reforma integral da rúa Viñas de Babilonia e do seu contorno suporá ás arcas municipais un investimento total de 578.859,82 euros

Oleiros, 8 de outubro de 2010-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado de Daniel Romero Cajigal, concelleiro de Obras Públicas e María José Varela, concelleira de Interior e Seguridade Cidadá, participaron antonte nunha asemblea informativa nas Torres de Santa Cruz. Na reunión informouse sobre a reforma integral que o Concello levará a cabo na rúa Viñas de Babilonia e no contorno desta rúa da localidade de Santa Cruz. Esta obra inclúe a construción de novas beirarrúas, a dotación de prazas de aparcamento, o soterramento dos colectores de lixo, así como a reordenación do tráfico no contorno para mellorar a seguridade viaria e facilitar aos residentes o acceso aos seus garaxes.

Deste xeito,a rúa Dolores Ibarruri será de sentido único de baixada, ao igual que a rúa Luis Pimentel, mentres que a rúa Suárez Picallo será de subida. Esta medida permitirá crear circuítos ao redor dos bloques situados a ambas marxes da vía principal. Dentro do conxunto de melloras de seguridade viaria para a zona, o Concello tamén instalará pasos de peóns sobreelevados para obrigar os vehículos a reducir a velocidade, esta medida tomarse en todas as rúas agás na rúa Viñas de Babilonia, xa que esta forma parte da estrada AC-173, de titularidade autonómica, e lamentablemente a Xunta non permite a instalación deste tipo de medidas de seguridade.

O proxecto tamén prevé renovar o pavimento das beirarrúas e canalizar diferentes servizos de subministración como o de electricidade, telefonía, iluminación ou auga. Ademais, inclúe unha importante ampliación do número de prazas de aparcamento nesta zona.

Así mesmo, contémplase a colocación de cinco novos puntos de recollida de lixo soterrados que permitirán eliminar os contedores da superficie, segundo sinalaron onte os membros do Goberno local. O Concello ten previsto instalar dous depósitos subterráneos na rúa Viñas de Babilonia e un na rúa Concepción Arenal e inclúese a colocación doutra instalación deste tipo noutros lugares de Santa Cruz, como a rúa Ricardo Cubeiro, a avenida Emilia Pardo Bazán, na zona próxima á gasolineira e outro na praza de Liáns. Estes contedores soterrados permitirán eliminar a presenza do lixo das rúas ao mesmo tempo que contribuirán á eliminación dos cheiros provocados por este, xa que os residuos permanecerán almacenados no subsolo en todo momento, agás cando vaian ser recollidos, que ascenderán á superficie a través dun mecanismo hidráulico.

Esta reforma integral da rúa Viñas de Babilonia e do seu contorno suporá ás arcas municipais un investimento total de 578.859,82 euros. Segundo informou na asemblea do pasado mércores o alcalde, os traballo comezarán no prazo dun mes e a execución da obra prolongarase durante tres. García Seoane explicou aos veciños e ás veciñas asistentes que o Goberno local apostou por realizar estes traballos fóra do período estival para non prexudicar o potencial turístico da localidade.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza