Terá lugar o vindeiro venres, día 17 de outubro, no castelo de Santa Cruz
Oleiros, 10 de outubro de 2008.- O vindeiro venres, día 17 de outubro, terá lugar no castelo de Santa Cruz (Oleiros) o Seminario Internacional O turismo como factor de cooperación en Timor Leste, que pretende identificar as necesidades de cooperación en Timor Leste, favorecer a identificación e o establecemento de contactos entre axentes de cooperación de Galicia e Timor Leste, e debater sobre as oportunidades e riscos que o turismo pode significar como factor de desenvolvemento comunitario.
O evento, que se enmarca dentro do Seminario Europeo para una agenda armonizada de cooperación con Timor Oriental que se celebrará no Pazo da Maestranza entre os días 22, 23 e 24 de outubro, está organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), xunto coa Asociación Luso-Galega de Antropoloxía Aplicada (ALGA), a Dirección Xeral de Turismo e o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR).
O prazo de matrícula está aberto e a reserva de praza pódese facer enviando o formulario de inscrición que aparece na páxina web http://www.ceida.org/formacion.html por fax (981.61.44.43) ou a través da propia páxina. Tamén se pode facer chamando ó teléfono 981.63.06.18 e facilitando os datos. A matrícula é de balde.