| NOVAS « Atrás A Policía Local identifica a un mozo que realizou 231 pintadas vandálicas no municipioOleiros, 18 de maio de 2017-. Un veciño de Perillo de 19 anos foi identificado pola Policía Local como o autor de máis de 200 pintadas no municipio que afectan tanto a propiedades públicas como privadas e que supoñen uns danos aproximados valorados en case 50.000 euros. O Concello de Oleiros abrirá un expediente sancionador ao responsable destes actos de vandalismo e esixiralle o pago de 28.000 euros, a cantidade estimada polos estragos causados no patrimonio público. Sinais, contedores, papeleiras, fachadas, muros, paredes, vallas, bancos, luminarias, paneis informativos, placas de rúas, fontes, escaleiras, tapas de cadros eléctricos e outros elementos do patrimonio público sufriron 134 pintadas pola persoa identificada por parte da Policía Local. Ademais, están contabilizadas outras 97 pintadas en bens e propiedades privadas. “Reparar os danos que se lle causaron ás propiedades municipais con estas pintadas están valorados á baixa en 28.000 euros. Se ademais lle sumamos os ataques a propiedades privadas de veciños estamos falando duns 50.000 euros. Síntoo moito, pero a este rapaz e á súa familia váiselle pasar a factura da parte municipal, que é o que podemos cobrarlle desde o Concello. No caso de que non procedan á reparación do dano feito nas propiedades municipais, denunciaremos o asunto ante os tribunais”, dixo o alcalde Ángel García Seoane. |