Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Cooperación  
Portada » O Concello » Concellería de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos » Cooperación » Proxectos

Proxectos actuais

O Concello de Oleiros está a colaborar na actualidade en sete importantes proxectos de cooperación internacional que levan a cabo entidades de distinto perfil pero cun denominador común, a súa longuísima e contrastada traxectoria no mundo da cooperación. Colectivos como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, co que o Concello participa no programa de Vacaciones en Paz, o Club de Leones da Coruña, co que o Concello pon en marcha unha escola de oficios, ou as Hermanas Mercedarias Misioneras de Bérriz, ás que se está a axudar a ampliar a súa Casa de Paz en Filipinas, son unha mostra disto.
   
Nestes momentos, o Concello traballa co programa de asistencia sanitaria especializada, de consulta e formativa nos municipios de Murra, Wiwili de Nueva Segovia e Ocotal, en Nicaragua. Esta importantísima iniciativa,que está sendo levada a cabo por Solidariedade Galega, achega a sanidade a unha das zonas máis desfavorecidas de América latina. Tamén no ámbito sanitario se está a traballar coa Asociación Sociocultural Atamán para achegar a sanidade básica ás zonas do terceiro mundo, onde traballa.

No ámbito educativo Oleiros colabora na reparación e no acondicionamento internado de primaria Abel Santamaría Cuadrado, en Cuba, que leva a cabo a asociación coruñesa Rolando Beltrán Hurtado. A través desta iniciativa axúdase ao acondicionamento de dormitorios, baños e da enfermería deste centro educativo. Ademais, contribúese a comprar vestimenta para os nenos e as nenas internas. Tamén no ámbito educativo pero noutra zona do mundo, neste caso en África, o Goberno local contribúe á cobertura de necesidades educativas básicas de nenas e mozas masai rescatadas da mutilación xenital e dos matrimonios tempranos forzosos, dentro do traballo que leva a cabo o colectivo Mundo Cooperante.
 

   

Proxectos

     
« Atrás

Oleiros mostra o seu apoio aos dous cooperantes españois liberados en África

Oleiros, 23 de xullo de 2012-. O Concello de Oleiros mostrou o seu apoio aos dous cooperantes españois liberados en África a pasada semana. O Goberno local enviou unha carta ás ONG nas que ambos desempeñaban o seu traballo cando foron apresados hai nove meses nos campos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria.  No escrito, o Executivo local resalta o seu compromiso co labor dos cooperantes e destaca a importancia do seu traballo.

«A continua exposición a diferentes riscos que sofre a figura do cooperante durante o desempeño do seu labor no contexto actual non debe quedar inadvertida para ninguén, e menos para as Administracións», apunta o escrito, que advirte que os organismos públicos deben facer todo o posible para protexer e axudar os cooperantes pola súa implicación social, polo seu traballo e pola achega individual que fan aos valores colectivos da nosa sociedade.

O Goberno local de Oleiros deixara patente o seu apoio a Enric Gonyalons e Ainhoa Fernández tras o seu secuestro nunha moción presentada ao Pleno municipal na que se esixía a súa inmediata liberación e se demandaba a mediación do Estado español  para lograr este obxectivo.
 

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza