Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Cooperación  
Portada » O Concello » Concellería de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos » Cooperación » Proxectos

Proxectos actuais

O Concello de Oleiros está a colaborar na actualidade en sete importantes proxectos de cooperación internacional que levan a cabo entidades de distinto perfil pero cun denominador común, a súa longuísima e contrastada traxectoria no mundo da cooperación. Colectivos como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, co que o Concello participa no programa de Vacaciones en Paz, o Club de Leones da Coruña, co que o Concello pon en marcha unha escola de oficios, ou as Hermanas Mercedarias Misioneras de Bérriz, ás que se está a axudar a ampliar a súa Casa de Paz en Filipinas, son unha mostra disto.
   
Nestes momentos, o Concello traballa co programa de asistencia sanitaria especializada, de consulta e formativa nos municipios de Murra, Wiwili de Nueva Segovia e Ocotal, en Nicaragua. Esta importantísima iniciativa,que está sendo levada a cabo por Solidariedade Galega, achega a sanidade a unha das zonas máis desfavorecidas de América latina. Tamén no ámbito sanitario se está a traballar coa Asociación Sociocultural Atamán para achegar a sanidade básica ás zonas do terceiro mundo, onde traballa.

No ámbito educativo Oleiros colabora na reparación e no acondicionamento internado de primaria Abel Santamaría Cuadrado, en Cuba, que leva a cabo a asociación coruñesa Rolando Beltrán Hurtado. A través desta iniciativa axúdase ao acondicionamento de dormitorios, baños e da enfermería deste centro educativo. Ademais, contribúese a comprar vestimenta para os nenos e as nenas internas. Tamén no ámbito educativo pero noutra zona do mundo, neste caso en África, o Goberno local contribúe á cobertura de necesidades educativas básicas de nenas e mozas masai rescatadas da mutilación xenital e dos matrimonios tempranos forzosos, dentro do traballo que leva a cabo o colectivo Mundo Cooperante.
 

   

Proxectos

     
« Atrás

Oleiros colabora na atención á poboación palestina a través do Fondo Galego

 Oleiros, 9 de febreiro de 2015.- O Concello de Oleiros participará mañá martes en Santiago de Compostela nun encontro coa directora executiva da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA-España), Raquel Martí. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é membro fundador o noso municipio organiza esta xuntanza na que se explicará a intervención psicosocial coa poboación refuxiada de Gaza. A presentación desenvolverase entre as 10.00 e as 11.00 horas na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias.

 
Logo da ofensiva militar que se produciu entre o 8 de xullo e o 26 de agosto, a Asemblea do Fondo Galego resolveu doar 10.000 euros á UNRWA para apoiar os equipos de saúde mental que atenden á poboación no contexto posbélico. A doazón destinouse ao proxecto ‘Apoio psicosocial para as vítimas da operación Protective Edge en Gaza’, que forma parte do Plan de Resposta á Emerxencia da franxa. Grazas á colaboración do Fondo Galego, preto de 1.500 persoas beneficiaranse das terapias impartidas por seis terapeutas durante dous meses. Realizaranse distintas actividades, tanto individuais como grupais, nas que se traballa desde o punto de vista da psicoloxía positiva.
 
Tras os 50 días de ofensiva, 2.254 palestinas e palestinos perderon a vida, incluíndo 538 menores, e máis de 18.000 casas quedaron destruídas. Todo isto danou o tecido social e debilitou os lazos existentes entre comunidades.  Arredor de 375.000 nenas e nenos e 60.000 persoas adultas foron identificadas como posibles beneficiarias do programa de apoio psicosocial por múltiples razóns, como a perda de familiares durante os ataques, a destrución do fogar, os elevados niveis de estrés, etc. O obxectivo desta iniciativa é reducir a vulnerabilidade psicolóxica e mellorar a resiliencia para afrontar os efectos adversos que teñan acontecido ou que vaian acontecer.
 
Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza