Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Cooperación  
Portada » O Concello » Concellería de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos » Cooperación » Proxectos

Proxectos actuais

O Concello de Oleiros está a colaborar na actualidade en sete importantes proxectos de cooperación internacional que levan a cabo entidades de distinto perfil pero cun denominador común, a súa longuísima e contrastada traxectoria no mundo da cooperación. Colectivos como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, co que o Concello participa no programa de Vacaciones en Paz, o Club de Leones da Coruña, co que o Concello pon en marcha unha escola de oficios, ou as Hermanas Mercedarias Misioneras de Bérriz, ás que se está a axudar a ampliar a súa Casa de Paz en Filipinas, son unha mostra disto.
   
Nestes momentos, o Concello traballa co programa de asistencia sanitaria especializada, de consulta e formativa nos municipios de Murra, Wiwili de Nueva Segovia e Ocotal, en Nicaragua. Esta importantísima iniciativa,que está sendo levada a cabo por Solidariedade Galega, achega a sanidade a unha das zonas máis desfavorecidas de América latina. Tamén no ámbito sanitario se está a traballar coa Asociación Sociocultural Atamán para achegar a sanidade básica ás zonas do terceiro mundo, onde traballa.

No ámbito educativo Oleiros colabora na reparación e no acondicionamento internado de primaria Abel Santamaría Cuadrado, en Cuba, que leva a cabo a asociación coruñesa Rolando Beltrán Hurtado. A través desta iniciativa axúdase ao acondicionamento de dormitorios, baños e da enfermería deste centro educativo. Ademais, contribúese a comprar vestimenta para os nenos e as nenas internas. Tamén no ámbito educativo pero noutra zona do mundo, neste caso en África, o Goberno local contribúe á cobertura de necesidades educativas básicas de nenas e mozas masai rescatadas da mutilación xenital e dos matrimonios tempranos forzosos, dentro do traballo que leva a cabo o colectivo Mundo Cooperante.
 

   

Proxectos

     
« Atrás

O Concello leva a cabo unha campaña solidaria a través das bibliotecas

 Oleiros, 27 de outubro de 2014-. O Concello de Oleiros levará a cabo ata finais do próximo mes de novembro unha campaña de recollida de produtos de hixiene e limpeza destinados ao Banco Solidario do Voluntariado de Oleiros. Esta iniciativa ponse en práctica a través da Rede Municipal de Bibliotecas que servirá de punto de depósito.

 
Durante este outono, o Voluntariado de Oleiros quere dar a coñecer un dos seus proxectos máis emblemáticos, o Banco Solidario, co fin de iniciar unha campaña de divulgación da súa actividade así como recoller produtos de hixiene e limpeza para aquelas familias en situación máis desfavorecida.
 
Todas aquelas persoas interesadas en colaborar nesta campaña poden levar ás bibliotecas municipais estes produtos e participar nesta actividade solidaria. Estes produtos, repartidos a través do Banco Solidario, teñen como obxectivo completar o apoio que se lles presta ás familias a través das axudas económicas e de alimentos prestadas polos Servizos Sociais.
 
Non será esta a única colaboración entre o Voluntariado de Oleiros e as bibliotecas, xa que a próxima semana vaise iniciar un servizo de apoio para que as persoas con dificultades para desprazarse poidan acceder igualmente aos fondos bibliográficos.
 
Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza