Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Cooperación  
Portada » O Concello » Concellería de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos » Cooperación » Proxectos

Proxectos actuais

O Concello de Oleiros está a colaborar na actualidade en sete importantes proxectos de cooperación internacional que levan a cabo entidades de distinto perfil pero cun denominador común, a súa longuísima e contrastada traxectoria no mundo da cooperación. Colectivos como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, co que o Concello participa no programa de Vacaciones en Paz, o Club de Leones da Coruña, co que o Concello pon en marcha unha escola de oficios, ou as Hermanas Mercedarias Misioneras de Bérriz, ás que se está a axudar a ampliar a súa Casa de Paz en Filipinas, son unha mostra disto.
   
Nestes momentos, o Concello traballa co programa de asistencia sanitaria especializada, de consulta e formativa nos municipios de Murra, Wiwili de Nueva Segovia e Ocotal, en Nicaragua. Esta importantísima iniciativa,que está sendo levada a cabo por Solidariedade Galega, achega a sanidade a unha das zonas máis desfavorecidas de América latina. Tamén no ámbito sanitario se está a traballar coa Asociación Sociocultural Atamán para achegar a sanidade básica ás zonas do terceiro mundo, onde traballa.

No ámbito educativo Oleiros colabora na reparación e no acondicionamento internado de primaria Abel Santamaría Cuadrado, en Cuba, que leva a cabo a asociación coruñesa Rolando Beltrán Hurtado. A través desta iniciativa axúdase ao acondicionamento de dormitorios, baños e da enfermería deste centro educativo. Ademais, contribúese a comprar vestimenta para os nenos e as nenas internas. Tamén no ámbito educativo pero noutra zona do mundo, neste caso en África, o Goberno local contribúe á cobertura de necesidades educativas básicas de nenas e mozas masai rescatadas da mutilación xenital e dos matrimonios tempranos forzosos, dentro do traballo que leva a cabo o colectivo Mundo Cooperante.
 

   

Proxectos

     
« Atrás

El Gobierno local de Oleiros muestra su apoyo al pueblo saharaui

Oleiros, 26 de abril de 2013-. O grupo de Goberno do Concello de Oleiros mostrou o seu apoio ao pobo saharauí cunha moción presentada na sesión plenaria celebrada onte na Casa Charry. A Fronte Polisario conmemora o 20 de maio de 2013 o 40 aniversario do inicio da loita pola independencia nacional no marco da legalidade internacional recoñecida pola ONU na súa resolución 1514 aos países e pobos baixo dominación colonial.

Tras a aprobación desta moción o Goberno local trasladará ao Goberno de España as demandas do pobo saharauí e que se centran en promover todas as iniciativas políticas necesarias, encamiñadas a lograr unha solución xusta e definitiva, en defensa do lexítimo dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación, mediante un referendo libre e regular, como paso final ao proceso de descolonización inacabado. Así mesmo preténdese que se outorgue un estatus diplomático á Representación da Fronte Polisario en España, como único e lexítimo representante do pobo saharauí, así recoñecido pola ONU.

Ademais solicítase ao Executivo español que esixa ao Goberno do Reino de Marrocos a liberación de todos os presos políticos, o cese da violación sistemática dos dereitos humanos, a anulación dos xuízos contra cidadáns e cidadás saharauís e o libre acceso dos observadores, prensa e organismos humanitarios ao territorio do Sáhara Occidental ocupado. E tamén que promova no Consello de Seguridade da ONU, desde a súa posición de Membro do Grupo de Amigos para o Sáhara Occidental, a incorporación no mandato da MINURSO da potestade de salvagardar os dereitos humanos no territorio mentres non se resolva de maneira xusta e definitiva o conflito. Por último, solicitase ao Goberno español que intensifique e amplíe a cooperación humanitaria coa poboación saharauí refuxiada, obrigación moral indiscutible e irrenunciable dada a nosa especial responsabilidade histórica na orixe do conflito.

Nestes 40 anos, conforme ao máis estrito respecto ao Dereito Internacional, e de acordo coa doutrina consolidada da Organización das Nacións Unidas, quedou de manifesto que a presenza marroquí no Sáhara Occidental é ilegal e que non tivo nin pode ter efectos xurídicos ou políticos que diminúan o dereito do pobo saharauí á autodeterminación e independencia. A ONU definira a dita presenza, de maneira explícita na súa resolución 3437 (1979), de simple “ocupación militar”, que se prolonga desgraciadamente no tempo, con todo o seu corolario de violencia, atropelo e abuso aos dereitos humanos máis básicos que a comunidade internacional está obrigada a defender e protexer.
 

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza