Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Normalización  
Portada » O Concello » Concellería de Cultura e Normalización Lingüística » Normalización » Dinamización » Actividades de dinamización lingüistica

Actividades de dinamización lingüistica

O Concello de Oleiros desenvolve desde hai dous anos diferentes actividades de dinamización lingüística encamiñadas a mellorar e promover o uso da lingua galega e a afastarse de determinados prexuízos que a danan.

O seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) elaborou unha serie de actividades complementarias para os centros de ensino e unha programación específica para festexar o Día das Letras Galegas. Destacamos aquí algunhas das máis relevantes:

  • Obra de teatro Os soños na gaiola. Esta obra de teatro, da Compañía Trinke Trinke, é unha homenaxe ao poeta Manuel María e nela danse a coñecer parte dos poemas do seu libro Os soños na gaiola. A obra, que foi representada o 14 de maio, presentoulle ao público infantil os poemas a través da música e do xogo.
  • Obradoiro para contar contos de medo. A Xente das Palabras elaborou unha actividade para os nenos e nenas de 6º de primaria co fin de fomentar o uso da lingua e promover a literatura en galego. A partir de relatos da tradición oral e literarios propúxoselle ás persoas asistentes que compartisen as historias de terror que coñecían, recreando e analizando os compoñentes deste xénero tan atraínte.
  • Obradoiro de hip hop. Entre os meses de abril e maio, Serxio Regos, “García”, membro do grupo Dios ke te crew, impartiu seis obradoiros nos IES de Oleiros. Con esta actividade, realizou un percorrido pola historia do hip hop e, grazas á participación do público, creáronse letras que logo foron interpretadas polos seus autores. Os obxectivos principais desta actividade foron os de potenciar o uso da lingua e promover a súa presenza na música hip hop.
  • Chove para que eu soñe! Foi unha homenaxe a Uxío Novoneyra que tivo lugar nos IES do Concello, interpretada por M.ª Inés Cuadrado. Con este recital poético da obra de Novoneyra  fíxose un percorrido pola vida do autor dun xeito ameno e participativo e co fin de dar a coñecer a figura do 'poeta do Courel'. A interpretación da Xente das Palabras foi acompañada con música de violín e guitarra. Esta actuación rematou coa participación de varios alumnos e alumnas no recital do poema 'Letanía de Galicia'.
  • Correlingua. Desde o Concello quixemos promover a participación do alumnado oleirense nesta actividade, que percorre diferentes puntos da xeografía autonómica, polo que puxemos a disposición dos centros o servizo gratuíto de autobuses para ir ao Correlingua da Coruña para os cursos que quixeron participar nesta carreira a prol do idioma.
  • Espectáculo Os Bolechas. Para celebrar o Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 2010 representáronse dúas sesións da obra Os Bolechas, para achegarlle aos nenos e nenas un espectáculo de promoción do idioma a través dos seus personaxes preferidos da literatura galega. Nesta obra, da compañía Caramuxo Teatro, colaborou Pepe Carreiro na elaboración do texto e da banda sonora, que está realizada por músicos da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia. Con esta representación buscábase crear un espazo que potenciase o uso do idioma entre as familias, fomentando a transmisión interxeracional.

Hai que mencionar tamén a publicación de dúas obras, por parte do Concello, sobre a vida e a obra do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Uxío Novoneyra.

  • Caderno didáctico de Uxío Novoneyra. O SNL do Concello de Oleiros en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do IES María Casares de Bastiagueiro, publicou un caderno didáctico de Uxío Novoneyra. Este libro de actividades foi elaborado polas profesoras do centro Pepe Taboada e Carmela Moure. Contou coa colaboración especial de antigos alumnos e antigas alumnas do centro, é dicir, traballouse en equipo para lograr a publicación que serviu para achegar aos centros o autor homenaxeado do ano 2010.
  • Libros de Uxío Novoneyra. O SNL do Concello de Oleiros comprou 2.000 libros de Carmen Blanco, sobre Uxío Novoneyra, da editorial Promocións Culturais Galegas S.A. Esta publicación achegouse á sociedade para celebrar o Día das Letras Galegas e dar a coñecer a figura do autor.

Outras actividades de anos anteriores:

  • Obra de teatro Bicos con lingua. Co motivo do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística organizou un espectáculo que fixo que o público reflexionase sobre a situación sociolingüística de Galicia. A obra foi moi ben acollida polas persoas asistentes e lográronse os obxectivos que eran, entre outros, implicar a sociedade na situación sociolingüística, crear unha actitude positiva cara á lingua e promover o uso da lingua galega nos espectáculos. Esta actuación estaba orientada á sociedade en xeral e de feito, asistiron un total de 180 persoas que gozaron da obra e se divertiron nun espectáculo que axuda a entender a situación que atravesa a lingua.
  • Libros de Ramón Piñeiro. Tamén co motivo do mes das letras, o Concello comprou libros biográficos do autor homenaxeado no ano 2009, Ramón Piñeiro. Estes libros foron destinados aos centros escolares e pretendían achegar a vida e a obra do autor á sociedade en xeral,  pero especialmente aos máis novos e novas.
  • Graffiti e letras foi unha actividade que impartiu Anxo Fariña, da Editorial A Nosa Terra e que se realizou en varios concellos por unha subvención que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia concedeu ás distintas empresas para que estas desenvolvesen a súa programación nos distintos concellos.  A actividade, dirixida á mocidade, tivo lugar no Centro de Lecer Portaberta e a súa finalidade era mostrar que o galego é unha lingua actual, válida para todo tipo de actividades e para todas as novidades. A  boa resposta do alumnado fai pensar que se logrou o obxectivo perseguido, facer que todas as persoas participantes puidesen gozar da lingua e do graffiti.

Actividades de dinamización para os centros 2010-2011 (PDF - 211.1 KB)

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza