Concello de Oleiros

Concello de Oleiros

Cultura  
Portada » O Concello » Concellería de Cultura e Normalización Lingüística » Cultura » Equipamentos
   
EQUIPAMENTOS

« Atrás

PATRIMONIO CULTURAL DO CONCELLO DE OLEIROS

Entre os recursos patrimoniais cos que conta o Concello de Oleiros cabe destacar algúns polo seu nivel de protección (Bens de Interese Cultural), tipoloxía (arquitectura defensiva, civil, relixiosa, industrial, escultura monumental, entre outras) ou antigüidade (zonas arqueolóxicas, xacementos ou necrópole).

A maioría destes bens foron promovidos, adquiridos ou reformados polo Concello de Oleiros no seu incesante labor pola conservación e divulgación do patrimonio emprazado neste concello.

  • ARQUITECTURA DEFENSIVA

A arquitectura defensiva do Concello de Oleiros sitúase na costa e está formada por dúas fortalezas e un castelo, todos eles declarados Bens de Interese Cultural polo exercicio da  Lei 16/85, de patrimonio histórico español ao atoparse protexidos polo Decreto do 22 de abril de 1949 e pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; a excepción do Torreón da Finca Bescansa.

CASTELO DE SANTA CRUZ (Ben de Interese Cultural)

Fortaleza de época renacentista construída no século XVI por Pedro Rodríguez Muñiz baixo o mandato do xeneral Diego das Mariñas, xunto ao Castelo de San Antón (A Coruña) forman o sistema defensivo da baía da Coruña. Nos séculos posteriores foi perdendo o seu valor estratéxico ata que no século XIX  pasou a pertencer á familia Pardo Bazán, máis adiante foi unha residencia de verán para orfos de militares. Na actualidade, alberga o Centro Nacional de Ordenación Ambiental da Natureza e o Centro de Extensión Universitaria e de Divulgación Ambiental de Galicia.

Enderezo: Castelo de Santa Cruz, s/n, C.P. 15179, Liáns.

CASA TORRE DE LORBÉ (Ben de Interese Cultural)

Fortaleza de época barroca construída por Alberto Otero no século XVIII. É unha construción de planta irregular formada pola fusión de tres corpos alargados e independentes creados en diferentes etapas construtivas (1949 proxecto de Leonardo Bescansa Casares e 1960 reforma da vivenda) o que provocou a variación da estrutura inicial.

Enderezo: rúa Golfiño, 52, C.P. 15177, Dexo.

PAZO DAS TORRES (Ben de Interese Cultural)

Pazo de época modernista que se organiza mediante unha serie de corpos anexionados con planta en forma de “L”, formando por varias torres ameadas realizadas a base de cantaría de granito con muros recebados rematados con cantaría nas esquinas e nos vans. Na súa orixe estivo vinculado coa familia Freyre Moscoso, oriúnda da parroquia de Liáns. Dende o ano 1990 alberga o Teatro das Torres, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, o Centro de Documentación da Muller e o Museo Os Oleiros-José María Kaydeda.

Enderezo: avda. Emilia Pardo Bazán, 17, C.P. 15179, Liáns.

FINCA BESCANSA

Torre de planta cadrada e dúas alturas construído no século XVII. Na súa orixe foi utilizado como polvoreira dentro do sistema defensivo da baía coruñesa –xunto ao Castelo de Santa Cruz e os fortes de San Antón e San Diego-. No século XIX perde a súa función estratéxica e pasa por diferentes mans ata o ano 1993 que o adquire o Concello de Oleiros.

Enderezo: Paseo Marítimo, s/n, C.P. 15172, Perillo.

  • ARQUITECTURA CIVIL

A arquitectura civil subdivídese en varias tipoloxías: pazos, casas señoriais e vivendas     ou conxuntos de vivendas; estas tipoloxías responden a unha gran variedade estilística que vai desde o Renacemento ata o Racionalismo, pasando polo Neoclasicismo, Eclecticismo, Modernismo, Rexionalismo, casas de indianos, vivendas tradicionais, entre outros. Destacamos os seguintes:

PAZO DE XAZ

Pazo de época neoclásica do século XIX. As súas orixes están vinculadas coa liñaxe coruñesa dos Montouto procedentes de Santa Cristina e Abegondo. Este pazo organízase por medio dunha construción exenta de planta en forma de “L” cunha capela gótica realizada en fábrica de cantería e granito. Está formado por dúas plantas e semisoto cunha gran escalinata na fachada principal. Nesta fachada destaca unha galería de madeira, un elemento clásico da arquitectura galega. O xardín está decorado ao estilo francés con trazados xeométricos realizados con mirto e un reloxo solar de pedra.

Enderezo: Lugar de Abeleiras de Arriba, 133, C.P. 15178, Dorneda.

PAZO DA ABELLA

Pazo de época neoclásica construído no século XIX. Ten unha planta rectangular exenta de dous pisos de altura e bufarda, destacan as galerías frontais e laterais. O portalón está realizado en ferro forzado e figura o ano de construción.

Enderezo: avda. das Mariñas, 30, C.P. 15171, Iñás.

RIALEDA

Casa señorial de época modernista con tendencia vienesa construída no século XX polo arquitecto Rafael González Villar. De planta practicamente rectangular de dúas alturas decoradas con elementos secesionistas (coma arcos apuntados ou motivos florais). No exterior, grandes xogos de volumes na cuberta formados pola torre e os piñóns que rematan en cornixas que aumentan ata en dúas alturas mais a edificación. Desde o ano 1998 ata a actualidade, alberga a Biblioteca Central que é a sede da Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Oleiros.

Enderezo: avda. das Mariñas, 334, C.P. 15172, Perillo

VILLA CANAIMA

Casa señorial de estilo indiano construída no século XIX. No exterior destaca a torre de planta cadrada que se ergue da cuberta aterrazada do primeiro piso, os xogos de volumes dos balcóns e terrazas, e o cruceiro que se atopa no patio.

Enderezo: avda. Ramón Núñez Montero, 1, C.P. 15173, Oleiros.

VILLA ISABEL

Casa señorial de época indiana do século XX. É unha construción exenta de planta irregular sobre zócalo de pedra composta por tres corpos diferenciados e asimétricos. Destaca a galería pentagonal rematada en terraza superior con balaustrada e o enreixado de ferro forxado.

Enderezo: praza do Vilar, 7, C.P. 15176, Nós.

VILLA MARCHESI

Casa señorial de estilo indiano do século XX. Construción exenta de planta rectangular de dúas alturas. No exterior, a fachada principal componse por un corpo poligonal de tres alturas marcando o eixo compositivo, nos laterais ten dous corpos simétricos con terrazas.

Enderezo: avda. Rosalía de Castro, 82, C.P. 15179, Liáns.

FINCA ALSINA

Casa señorial de estilo ecléctico con tendencia francesa isabelina de finais do século XIX, foi realizada polo arquitecto Faustino Domínguez Coumes Gay baixo a petición do Marques de Loureda. É unha construción exenta de planta rectangular de baixo e dúas alturas. No exterior, o corpo central está adiantado entre dúas pilastras cunha composición a base de arcadas. Dende o ano 2011 ata a actualidade, alberga a Escola de Negocios IFFE Business School.

Enderezo: avenida das Mariñas, 196, C.P. 15176, Nós.

ESCOLA DE CAPATACES

Escola de estilo racionalista realizada polo arquitecto Alejandro de la Sota no século XX. É unha construción exenta de planta irregular con dúas alturas. No exterior, ten torres de gran tamaño con ameas feitas de granito (o que lembra á arquitectura tradicional dos pazos galegos-. Responde ás características propias do estilo racionalista sen apenas decoración e con pórticos de columnas voluminosas. Desde o ano 1986 ata a actualidade, alberga o Instituto Nacional de Educación Física –INEF- da Universidade da Coruña, anteriormente albergou o Centro de Capacitación Agrícola e unha residencia de estudantes.

Enderezo: avda. Ernesto Che Guevara, s/n, C.P. 15179, Liáns.

CASA DO ARXENTINO

Vivenda de estilo historicista realizada no século XIX. É unha construción de planta rectangular de tres alturas.  No exterior, a fachada principal está formada por tres corpos, o central cunha galería porticada rematado nun frontón graduado e os corpos laterais dispostos simetricamente cunha mesma cadencia de vanos e portas –ambos decorados con molduras-. Destacan un patio porticado de pedra cunha galería voada balaustrada coroado cun frontón graduado de influencia andaluza ou portuguesa e a cornixa de azulexos con acróteras xeométricas que recorren toda a fachada. Desde o ano 2008 ata a actualidade alberga o hotel-restaurante “Casa do Arxentino”.

Enderezo: rúa Cividanes, 9, C.P. 15177, Serantes.

  • ARQUITECTURA RELIXIOSA

O Concello de Oleiros, dentro do ámbito da arquitectura relixiosa, ten unha gran variedade de bens inmobles que pertencen a distintas épocas e estilos artísticos. Así, entre os bens culturais existen exemplos que abarcan desde o románico ata o racionalismo pasando polo barroco, o neoclasicismo ou a arquitectura popular do século XIX e dos primeiros anos do século XX; o que fai que o seu patrimonio relixioso –igrexas e capelas- sexa un dos principais recursos patrimoniais. De todo o patrimonio relixioso co que conta o Concello de Oleiros, teñen especial interese os seguintes:

CONXUNTO PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE DEXO

Igrexa de estilo románico do século XII. Organizada nunha única nave rectangular, cunha capela maior e unha ábsida semicircular cun arco triunfal apuntado. A súa estrutura baséase en muros de carga feitos con cantería de granito sobre a que se asenta un falso teito de madeira e unha bóveda de ladrillo. Na fachada occidental ten un pórtico de tripla arquivolta de medio punto. A principios dos anos noventa o Concello de Oleiros leva a cabo unha restauración onde se atopan restos arqueolóxicos que atestou a existencia dunha igrexa anterior. Destaca o cruceiro de granito situado no adro que data do século XVII que conta coa categoría de Ben de Interese Cultural.

Enderezo: avda. Jiménez Herrero, 76, C.P. 15177, Dexo.

CONXUNTO PARROQUIAL DE SAN COSME DE MAIANCA

Igrexa de estilo románico do século XII realizada en granito. Ten unha planta cadrada dunha única nave e cunha ábsida rectangular. No exterior, a fachada ten unha porta de entrada de madeira cun pequeno pórtico. Destacan algúns elementos prerrománicos anteriores ao século X, coma pequenos arcos hispano-visigodos, capiteis de tipo asturiano e unha pequena pía bautismal (sobre a pía hai unha lenda sobre a chegada de Almanzor no ano 997 a este templo onde se di que abeberou o seu cabalo), tamén destacan catro panteóns modernistas no cemiterio.

Enderezo: lugar Maianca, nº 643, C.P. 15177, Maianca.

IGREXA PARROQUIAL DE SANTA LEOCADIA DE PERILLO

Igrexa de estilo neoclásico realizada no século XII  cando dependía do Mostreiro de San Paio de Antealtares en Santiago de Compostela. Ten unha planta de cruz latina cunha capela maior. Destaca a campá maior que data do século XVIII e as portas de madeira decoradas con relevos.

Enderezo: praza da Canteira, 10, C.P. 15172, Perillo.

CONXUNTO PARROQUIAL DE SANTAIA DE LIÁNS

Igrexa de estilo barroco rural do século XVII. Construción de planta de cruz latina cunha pequena cúpula no cruceiro a modo de lucernario. No exterior, a fachada está composta por unha porta principal enmarcada por dous piares sobre os que se asenta un arco partido. O cruceiro de granito data do século XVIII e destaca a cruz que porta unha imaxe de Cristo acompañado por unha cartela onde pon INRI na parte superior da cruz.

Enderezo: rúa Casares Quiroga, 690, C.P. 15179, Liáns.

IGREXA PARROQUIAL DE SANTA CRUZ DE LIÁNS 

Igrexa racionalista realizada polo arquitecto Miguel Fisaac no século XX. É unha construción de planta asimétrica con forma de abanico dividida en varias seccións cilíndricas e feita en formigón armado, Fisaac utiliza este material en toda a estrutura para “soster, cerrar e decorar” . No interior, a nave principal é un amplo espazo que ilumina o altar por medio dunha claraboia, ten unha capela dedicada ao Santísimo Sacramento. Destaca a introdución do elemento psicolóxico do autor, el mesmo defíneo como “arquitectura humanizada” onde o home proporciona a función e non a medida.

 Enderezo: rúa Daniel Castelao, 1, C.P. 15179, Liáns.

  • ARQUITECTURA PORTUARIA

O Concello de Oleiros, consta dunha serie de bens que se poden agrupar baixo a denominación de arquitectura portuaria, xa que se trata de bens asentados na costa e que responden ás infraestruturas relacionadas basicamente coa función portuaria.

PORTO DE SANTA CRUZ

Embarcadoiro do século XVII reformado. Ten unha forma en rampla cun desenvolvemento de ampla pendente, o que lle confire un aspecto cambiante polo efecto das mareas, xerando unha dársena abrigada polas rocas existentes. Foi un dos portos máis importantes do Oleiros entre os séculos XVI e XVIII.

Enderezo: rúa do Mar, s/n, C.P. 15179, Liáns.

PORTO DE MERA

Embarcadoiro do século XVII reformado. Ten unha forma perpendicular á liña da costa cun pequeno dique. A súa sección asimétrica axuda a configurar os dous tramos da praia de mera.

Enderezo: Paseo Marítimo s/n, C.P. 15177, Maianca.

PORTIÑO DE DEXO

Porto de pequenas dimensións e difícil acceso polo que antigamente os mariñeiros tiñan que utilizar pequenas embarcacións e utensilios para cargar e descargar as mercancías. Consérvanse os restos dun guindastre, un aparello de elevación de cargas. No ano 2005 o Concello de Oleiros acomete o acondicionamento do porto.

Enderezo: Portiño de Dexo, s/n, C.P. 15177, Dexo.

PORTO DE LORBÉ

O Porto de Lorbé é un enclave do Concello de Oleiros no que os mariñeiros se dedican a continuar coa pesca tradicional. Foi remodelado no ano 1991. No mar, pódense observar numerosas bateas utilizadas para a cría do mexillón.

Enderezo: avda. do Porto, 28, C.P. 15177, Dexo.

CASA DO FAREIRO

Vivenda realizada polo arquitecto Salvador López Piñeiro no século XX. É unha construción exenta de planta rectangular dunha altura e de composición simétrica. No  exterior, ten unha porta principal e dous vans a cada lado –ambos moldurados- con cuberta plana e azotea. Desde o ano 2006 ata a actualidade, alberga o Centro de Interpretación Medioambiental do contorno do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes –máis coñecido como Aula do Mar”-.

Enderezo: rúa Celso Emilio Ferreiro, 7, C.P. 15177, Serantes.

FAROS DE MERA

Faros realizados por Rafael de la Cerda no século XX. Son dúas construcións exentas de dúas plantas hexagonais. O que está situado fronte ao mar ten tres alturas con vans e impostas de pedra e unha cornixa con lanterna e cúpula; na fachada posterior, porta e dous vans decorados con molduras planas no terzo superior. O outro faro, é de catro alturas con cinco vans simétricos en cada lado e dous vans decorados con molduras planas no terzo superior, rematado da mesma forma que o primeiro. Ambos forman parte do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes que ten categoría de LIC.

  • ZONAS ARQUEOLÓXICAS

v

As zonas arqueolóxicas que se atopan no Concello de Oleiros pertencen a varias tipoloxías coma poden ser os castros, xacementos romanos, necrópoles ou restos dunha batería defensiva. As datas destes asentamentos son moi amplas xa que hai algúns que datan da Época de Ferro, outros da Época Romana e algúns da Idade Media. Os máis significativos son:

CASTRO DE XAZ

O Castro de Xaz é un recinto fortificado de forma ovalada sen escavar defendido por un complexo sistema de noiros e fosos concéntricos, situados sobre todo na parte sur e oeste. Pola parte sur presenta unha sucesión de tres parapetos e dous fosos intercalados entre eles, detectándose neste sector unha interrupción na continuidade do recinto que, tal vez, poida interpretarse como un acceso ao interior deste. Na parte oeste existen, polo menos, tres parapetos e dous fosos intercalados.

Enderezo: rúa Castro de Xaz, 2-4, C-P, 15178, Dorneda.

CASTRO DE SANTA CRISTINA

O Castro de Santa Cristina atópase  nun pequeno promontorio rochoso que se interna no mar despois da praia de Santa Cristina, cara o N. Na parte superior deste promontorio existe unha elevación que se desenvolve en sentido circular con dirección NE-SW, que pode ser o resto dun parapeto defensivo do castro.

Enderezo: camiño do Polvorín, 11, C.P. 15172, Perillo.

NECRÓPOLE MEDIEVAL DE DEXO

Necrópole asociada á igrexa románica de Santa María de Dexo, edificada e consagrada no século XII e finalmente rematada no século XIII. A principios dos anos noventa, con motivo dos traballos de restauración, promovidos polo Concello de Oleiros, aos que foi sometida o conxunto da igrexa, tivo lugar unha intervención arqueolóxica dirixida por Purificación Soto e Manuel Lestón, que afectou tanto ao interior do templo como ao seu contorno máis inmediato. Froito destas foi a exhumación de diversos enterramentos, así como diversos materiais cerámicos datados de época romana, baixomedieval e moderna.

BATERÍA DE MERA

A Batería de Mera é unha construción defensiva realizada entre no século XVII e que debe de entenderse como unha parte do conxunto de fortificacións da cidade da Coruña (xunto aos fortes de Santo Antón, Santa Cruz, Santo Amaro e San Diego). Trátase dun simple aterrazamento en forma de media lúa realizado no cantil co fin de obter unha plataforma na que instalar a artillería, protexido por un baixo muro de pedra de xisto pola parte que mira ao mar.

Enderezo: rúa Seixo Branco, 34, C.P. 15177, Serantes.

Entidades financiadoras
Goberno de España Comunidade Económica Europea Plan Avanza